PINGOTA COMUNICACIÓN, UNHA AXENCIA DE CUÑO XORNALÍSTICO
Pingota Comunicación é unha axencia que naceu en outubro de 2015 en Ferrol, por iniciativa das xornalistas Puri Rodríguez Calvo, Pilar Cotovad Cal e Montse Mayoral. O seu obxectivo é transformar en noticia as informacións xeradas polos seus clientes e xestionar todo tipo de servizos en materia de comunicación atendendo ao auxe dos novos medios dixitais e das redes sociais. A finalidade do seu traballo é converter nun activo a forma de comunicar de empresas, administración e entidades, de maneira que este sexa un rasgo distintivo e un valor engadido.
A aposta polo emprendemento das tres xornalistas que forman Pingota Comunicación foi a creación dunha cooperativa de traballo asociado, na que todas desempeñan o rol de empresarias e traballadoras, compartindo responsabilidades e decisións. As socias decidiron situar a súa empresa en Ferrol, a cidade que queren ver crecer, aínda que o seu traballo, grazas ás novas tecnoloxías, serve a clientes e medios de todo o ámbito galego.
A crise pola que está a atravesar desde hai anos a prensa escrita e a decisión de manter os vínculos co mundo da comunicación foron as principais motivacións das promotoras, que tamén apostan por consolidarse en campos profesionais emerxentes como son as redes sociais. A axencia Pingota Comunicación naceu coa vocación de crecer e permanecer, como indica o seu nome: pingota, unha gota que cae e se expande.
QUEN SOMOS?
Puri Rodríguez Calvo, licenciada en Periodismo pola Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid. Desempeñou o cargo de delegada de El Ideal Gallego en Ferrol, e posteriormente asumiu o posto de Redactora Xefe no xornal Diario de Ferrol desde a súa fundación.
Montse Mayoral Míguez, licenciada en Periodismo pola Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid, especialista en Información Económica pola misma universidade e titulada como Community Manager pola Fundación UNED. Desempeñou a súa labor periodística en El Ideal Gallego e Diario de Ferrol. Neste último periódico desenvolveu o seu trabajo como xefa das seccións de educación, cultura e economía.
Pilar Cotovad Cal, diplomada en Relacións Públicas e titulada como Community Manager pola Fundación UNED. Desenvolveu o seu traballo periodístico como redactora en El Ideal Gallego e Diario de Ferrol. Neste último, asumiu a responsabilidade da sección de comarcas desde a súa fundación.
QUE FACEMOS?
Pingota Comunicación oriéntase a prestar un amplio abano de servizos de comunicación, en tres áreas principais.
-Gabinete de prensa: a axencia encárgase de redactar notas de prensa nas que se recollen as informacións xeradas polos seus clientes, buscando a fórmula para que resulten de interese para os medios de comunicación. Estes comunicados distribúense para a súa publicación a prensa, radio, televisión e medios dixitais en función da actividade do cliente e do seu público obxectivo.
Pingota Comunicación ten a vocación de ser a mellor aliada para que as institucións, empresas e profesionais obteñan unha repercusión ampla e positiva da súa actividade nos medios.
-Xestión de redes sociais/comunicación online: Pingota Comunicación actualiza as páxinas web dos seus clientes ofrecendo a posibilidade de xestionar unha sección de noticias na que se recollan as principais novidades xeradas pola empresa, administración ou asociación para a que traballa, pero tamén as do sector ao que pertencen. Ocúpase ademais da redacción de boletíns dixitais, newsletter ou de crear a dar as pautas para que os seus clientes poidan dispor de blogs para difundir as súas propias opinións, consellos, estudos, etc. sobre o seu eido de actuación. A axencia xestiona a atención permanente aos perfís dos seus clientes en redes sociais con criterios de eficacia e profesionalidade.
-Publicacións: a axencia Pingota Comunicación encárgase de deseñar, editar e redactar os contidos de folletos, memorias, dossieres ou calquera outra publicación corporativa, sectorial e institucional. As mesmas publicacións elabóranse tamén en formato dixital atendendo ás necesidades dos clientes.
WEB : www.pingota.com
Mail: pingota@pingota.com